Ancoradoiro participou cunha ponencia titulada “Ancoradoiro: un proxecto cooperativo para convivir” nun acto aberto ao público en xeral que organizou a Cátedra Cruz Roja da Universidade de Santiago de Compostela, o pasado xoves 14 de setembro.
O noso compañeiro, Guillermo García, participou como relator explicando en qué consiste Ancoradoiro, unha iniciativa cidadá que xurdiu observando a evolución demográfica da poboación, a falta de respostas tanto por parte da Administración como da iniciativa privada e tamén por constatar a necesidade que temos as persoas de manter a nosa autonomía e a nosa capacidade de decisión en todo o que nos afecta, independentemente da idade que teñamos.
Ancoradoiro Sociedade Cooperativa Galega, polo tanto, foi creada por un grupo de personas da provincia de Pontevedra, co fin de autopromover e xestionar un CENTRO SOCIAL para a convivencia e coidado de persoas maiores mediante un proceso colaborativo e participativo.
No acto celebrado en Compostela participou tamén un representante da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, que explicou ao público asistente as actuacións e plans a curto e medio prazo da Consellería de Política Social , en materia de coidados a maiores.
Finalmente, a decana da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde se celebrou o acto, fixo entrega de diplomas acreditativos dos premios concedidos aos mellores traballos de grao e de máster relacionados coa temática da Cátedra.